top of page

PROXECTO

Artesanova é Galicia. Artesanova é a nosa tradición. A nosa comida. As nosas avoas. Os nosos produtos. Pero non nos quedamos aí. Artesanova é 2015. Artesanova é novidade. Artesanova é instagramer, é moderna. Artesanova é a tradición instaurada en pleno século XXI.

 

Acotío pensamos en Galicia como un lugar tradicional. Onde se segue levando a aldea e onde a boa comida da avoa lle vence en moitas ocasións á fast food. Aínda así, Galicia ábrese como boamente pode á tecnoloxía. 

 

É innegable e non se pode afastar a mirada das novas posibilidades que a rede, a nova tecnoloxía nos permite. Na época dos hipsters, dos youtubers e dos tuiteros, ofrecer unha visión de modernidade nos produtos de sempre parece unha obriga. Esa visión compártena todas aquelas empresas que participaron desinteresadamente neste proxecto.

PAN DA MOA

 

Unha panadaría familiar cunha longa saga ás costas. O segredo dun produto exclusivo e 

diferenciado radica nos xeitos tradicionais de tratar a masa, con innovacións como son os 

longos tempos de fermentación e os retardos en frío, o que se converte en pan de alta 

calidade. 

O forno tamén produce a diario doces, repostería, biscoitos… pero o seu produto estrela son 

os croissants, campións no Campionato de Europa.

Pan da Moa tamén oferta cursos sobre a arte e elaboración do pan, ós que asisten persoas de 

toda España para experimentar cos procesos de elaboración da masa e obter coñecemento da 

produción do pan.

 

 

FOGAR DO SANTISO

 

A Galicia máxica dos contos de fadas parece corporizarse no restaurante Fogar do Santiso. 

Cunha estética propia dos mitos celtas, semella estar imbricado de xeito natural no propio 

bosque, vivindo en consonancia co natural e nutríndose do que lle ofrece a terra, pois esa é a 

filosofía de Fogar do Santiso: ofrecer produto ecolóxico e sostible, que non esgote o 

medioambiente, directamente da natureza. 

O interior do local está exhaustivamente decorado con útiles propios da gastronomía popular 

galega, adornado con poemas que convidan á introspección. 

O proxecto conta cunha filosofía moi marcada: non buscan o beneficio a curto prazo. O que 

procuran é un negocio ecolóxico, sostible, baseado no respecto á natureza.

RAMON DO CASAR

 

Todo comezou na emigración. Co gañado, don Ramón puido mercar as terras que hoxe nutren 

as vides da adega de Ramón do Casar. Unha iniciativa que leva trece anos en funcionamento, 

cultivando os terreos, empregando a mellor das uvas autóctonas, para, finalmente, recoller os 

froitos, co que xa levan tres colleitas ás costas. 

Contan con dúas liñas de viño branco: O monovarietal Ramón do Casar, e o plurivarietal 

Ramón do Casar Treixadura, actualmente esgotado no mercado. Ámbolos dous caldos foron 

condecorados con premios como o Acio de Prata da Denominación de Orixe do Ribeiro, ou a 

medalla de prata no Challenge Internacional du Vin.

O deseño dos embalaxes e do etiquetado está inspirado nos anos 50 da emigración. A caixa 

imita á de madeira, e as etiquetas son reproducións de postais que don Ramón e a súa muller 

intercambiaron unha vez chegado a Venezuela.

CASA DAS ABELLAS

 

Trátase dun proxecto nacido hai vinte anos, como centro de divulgación sobre o mundo da apicultura, intentando integrar os ámbitos da saúde, abellas e medioambiente nun concepto único. Por medio da domesticación das abellas, son capaces de crear produtos de consumo a partir da materia prima que xorde da súa cría: propolios procedentes do pole, mel, xelea real... mesmo xabóns, pan de mel ou hidromel.Casa das Abellas traballa coa cooperativa Erica Mel, que vende produtos ecolóxicos en convencións gastronómicas e negocios do seu entorno. Na actualidade, están a promover o que se coñece como apiturismo, o turismo relacionado co mundo da apicultura, como exposicións, utensilios a partir da cera… así como a extracción da mel das colmeas.

CERVEXA FARRUCA

 

Farruca é unha pequena marca de cervexa que nace a medio camiño entre Salamanca e a 

vila do Carballiño. Leva menos dun mes no mercado e conta con moito carisma. A 

marca ten dúas liñas, a Farruca Rubia, idónea para acompañar pratos picantes ou 

pescados; e a Farruca de Cabaza, con máis gradación e un gusto doce, propio dos froitos 

do outono. 

A pesar de nacer hai dous días, Farruca pretende chegar a ser unha cervexa gourmet 

digna dos mellores padais, orientada á hostalería e a restauración.

© 2015. ARTESANOVA. 

bottom of page