
Fogar do Santiso
Conta cunha decoración e estética enxebre e propia do rural
Fogar do Santiso agóchase entre os montes de Luou, no concello de Teo. É unha paraxe tan singular que parece medrar directamente da terra, asemella que sempre estivo alí, en consonancia coa paisaxe. O contorno ten unha clara temática celta, que se pode observar nos gravados o na enorme estatua do druída de pedra. Unha fonte de auga corrente e pontes de madeira amplían a paisaxe e transpórtannos a lugares nos que se respira a maxia que envolve a Galicia. A parte disto tamén contan cun espazo para os máis pequenos, con columpios e tobogáns. O propio restaurante está construído con pedra e madeira na súa meirande parte, e conta cunha decoración e estética enxebre e propia do rural: artesas que se converten en mesas, corozas que fan as veces de cubre lámpadas… mesmo un cuarto no que se reconstruíu o taller e utensilios do oficio de carpinteiro. Aprécianse en cada recuncho, poemas e refráns en letras brancas, pintados directamente nas pedras ou na propia decoración, que cando se observan incitan á reflexión.
Decidiron darlle unha viraxe ó proxecto cara a valores máis tradicionais









O proxecto naceu no ano 1996, e chegou ás súas mellores cifras no 2007, en canto a beneficios económicos. Foi nese intre cando decidiron darlle unha viraxe ó proxecto cara a valores máis tradicionais, decantándose por un negocio ecolóxico, tradicional e sostible. Unha proposta que sitúa Galicia e a súa gastronomía máis aló do beneficio a curto prazo. En Fogar do Santiso téñeno claro. Apostan por un negocio ecolóxico e sostible, sen danar ó medio ambiente, fundamentado no respecto á terra e ó que esta nos ofrece. Valores como a tradición labrega, a revalorización do rural como baza estratéxica para o mantemento da nosa cultura ou o compromiso e o emprego das enerxías renovables son algunhas das súas pautas de actuación. Consideran que é necesario mobilizar as conciencias e adquirir certos valores para o aproveitamento e mantemento das materias primas coas que traballan. En Fogar do Santiso, a carne que ofertan prodúcese en cooperativas que comparten a súa filosofía e valores: o ecoloxismo e a calidade máxima. Todo o que ofertan é de produción propia, ou de empresas nas que prima a explotación sostible dos recursos naturais. Por iso, en Fogar do Santiso podemos atopar un menú diferente cada día, que vai a depender do que a terra lles poida ofertar.
Pese a ter un negocio en expansión non queren converterse nunha multinacional
Na actualidade, están enrolados noutras iniciativas, como é a de Terra Sensus, na Coruña, pero que se trata dun concepto completamente diferente, dándolle valor á ría e á horta ecolóxica con especialidade nos pratos á brasa e a cociña limpa. Trátase dun negocio en expansión, pero non pretenden chegar a ser unha sorte de multinacional ou cadea. Fogar do Santiso nunca vai abrir en ningún sitio a vender churrasco só co obxectivo de lucrarse, senón que teñen clara a lealdade ós seus valores. O negocio tamén amplía fronteiras e chega ata a rede, cunha páxina de venda de produtos ecolóxicos online, no que tamén se ofertan o que chaman “ecoexperiencias”, ou degustacións dos seus produtos estrela.
Fogar do Santiso organiza eventos (celebracións, ceas de empresa…) así como visitas e obradoiros educativos nos que promover os seus valores, expandido o amor polo rural e o valor engadido que supón o produto natural e ecolóxico, sen estragar a terra.